barrio das atochas en perigo de extinción!!!


Data: domingo 19 de abril
Hora: a partir das 12.00h
Espazo: praza Atocha Alta
Enderezo: rúa Atocha Alta, Montealto

ás 12.00h baile vermú
ás 13.00h monicreques
Ás 13.30h historia
ás 14.00h xantador popular
ás 15.30h repichoca poética
ás 17.00h arte na rúa
ás 19.00h música ao vivo
ás 21.00h proxeccións

“As Atochas en perigo de extincion”

Benquerid*s amig*s,

convidamos-vos a intervir este domingo 19 de abril nunha xornada de homenaxe e reivindicación do barrio das Atochas en Montealto. Está previsto o derrube inminente de nove casas. Estas vivendas forman parte dun asentamento rural de máis de 700 anos de antigüidade (Xosé Lois, “A Coruña. Natureza, historia e forma urbana”, en A Coruña. A cidade na arte, A Coruña, Museo de Belas Artes, 2009). O enclave resulta o único sobrevivente na cidade que conserva en bo estado unha tipoloxía peculiar de edificacións de planta baixa características dos barrios obreiros, nados no abrente da Revolución industrial de finais do século XIX.
A agonía de moitas das zonas históricas, tradicionais e modestas, nas urbes contemporáneas precipita a decadencia e o auténtico exterminio de formas de vida. A apelación constante a unha memoria e a unha sucesión de fragmentos de Historia que conforman o noso imaxinario nos confronta á propia formación da nosa idiosincrasia. Namentres, o desamparo do patrimonio ven invocar a raíz dos conflitos dunha sociedade incapaz de respectar os mesmos fundamentos que se apura a propagar.
No ano 1937 nas Atochas (vid. documento adxunto) foron asasinadas nove persoas pertencentes a loita antifascista, agochadas en varios domicilios a espera de fuxir da represión e da cidade.

O pretexto, unha vez máis, é o saneamento da zona, estratexia política arroupada por proxectos urbanísticos (exs. Rambla del Raval de Barcelona, Barrio de San Francisco de Bilbao, etc.), que disloca á xente humilde, lexítima moradora destes lugares, aos arrabales da cidade e que o convirte nun espazo para a especulación inmobiliaria e as mutacións caprichosas.
Para o conxunto do enclave localizado na rúa da Atocha Alta está prevista a demolición integral de toda ela e a posterior construcción de bloques de vivendas cunha altura de cinco pisos e unha superficie edificable de 2168 metros cuadrados, así como unha praza pública.
Non entendemos o progreso sen o respecto *s cidadáns, a conservación do patrimonio histórico e os espazos que constrúen a nosa memoria.

Só facendo referencia aos casos recentes, atopamos a destrucción do asilo modernista de Adelaida Muro, das rúas Papagaio e Tabares que conformaban o barrio chino coruñés, dos barrios de A Silva e San Roque, e dun longo etcétera. Aínda hoxe en zonas con proteccións especiais, como é o caso da Zona vella, vense caer os inmobles como caen as follas no outono, con fruición, ao ritmo dos desaloxos e mortes dos vellos residentes. Por todo isto cremos que xa está ben, non si?

a casa das atochas

0 comentarios: