CAMPAMENTO URBANO PERMANENTE :: ASEMBLEA ABERTA

LUNS 12 ás 20:30h no CENTRO SOCIAL PROPOLIS

É por todas sabido que a penas queda neste mundo nada digno de se chamar democracia. Algúns rituais que se din "democráticos", como as eleccións, téñense tornado especialmente sinistros nos últimos días. En Israel, o Goberno de coalición do Avodá, Kadima e Sha, cuxas cabezas visíbeis son Olmert, Barak e Livni, disputa a Netanyahou nos medios a súa popularidade cara aos vindeiros comicios a base de toneladas de chumbo, fósforo e tungsteno sobre palestinas indefensas ao borde da inanición total. A máis ostentación de determinación exterminista, máis puntos nas sondaxes electorais, ese é o catastrófico resultado de anos de políticas neocon e paranoia securitaria.
Tamén en Galiza a masacre en Gaza parece ter tomado lúgubre relevancia cara ás vindeiras eleccións autonómicas.
Van xa milleiras de feridas e unhas novecentas vítimas mortais desde o inicio da operación "Chumbo Fundido" e o esperpento político internacional medra cada día. Contra a corrupta inoperancia da política históricamente certificada asistimos a unha onda de mobilizacións nos cinco continentes que son expresión dun fascinante anhelo pacifista, democrático e de xustiza.
Na Coruña ducias de persoas quixemos participar desta onda convocando unha primeira concentración o día dous e sumándonos á máis recente do día dez. Animábanos e anímanos o mesmo anhelo fraternal, democrático e de xustiza que se respira agora mesmo en millóns de rúas do planeta. O mesmo desexo que ten animado a miles de palestinas e israelitas a protagonizar experiencias de loita que merecen a nosa admiración e amor.
Hoxe comprendemos que as nosas iniciativas ata agora foron insuficientes e queremos ir alén. Non sabemos adonde, pero estamos firmemente convencidas de que de pouco ou nada nos sirven os protestos dun día, menos aínda cando son violentamente hexemonizados por organizacións que facilitan, permiten, abrigan e celebran a entrada e total protagonismo do Bloque Nacionalista Galego e que mesmo teñen intentado facer a un lado ás compas islamitas que animaban o protesto do día dous.
Cuestionámonos seriamente se non son as próximas eleccións autonómicas as que están animando esta participación do Bloque Nacionalista Galego. Sinceiramente, non alcanzamos a ver qué outra motivación terían hoxe para sair ás rúas ao carón desta onda global persoas responsabeis da participación das tropas españolas nas Forzas Interinas de Nacións Unidas para o Líbano; unhas tropas "de mediación" encargadas de librar traballo á Tsahal sionista no sur do Líbano para terror, entre outras, das palestinas que malviven nos miserables campamentos de refuxiados da zona.

Pensamos que é necesario pór en marcha experiencias democráticas outras ás dos xestores do terror. Pensamos que é interesante reactivar mobilizacións de cuño antimilitarista que teñen sido importantes nesta cidade. Pensamos necesarias prácticas de recoñecemento e coexistencia, que é necesario plantexarse un combate á guerra e a islamofobia aquí e desde xa.

É por iso que varias persoas maquinamos no levantamento dun CAMPAMENTO URBANO PERMANENTE a modo de apertura dun proceso de reflexión e acción colectivas.

Chamamos a unha primeira ASEMBLEA ABERTA este LUNS 12 ás 20:30h no CENTRO SOCIAL PROPOLIS (r/Barcelona 115, Soto)

0 comentarios: